Máis casos e novas variantes: científicos galegos alertan da retirada de máscaras no interior.

Medios de comunicación 22/04/2022

Sonia Villapol e José Luis Jiménez comparten as súas dúbidas sobre a medida, recordan que o virus segue a propagarse a apelan á responsabilidade individual.

O 24 de marzo de 2021 máis dun centenar de expertos asinaban unha carta dirixida á presidencia do Goberno, gobernos autonómicos e outros cargos públicos con responsabilidades en materia sanitaria. Nela solicitaban unha actuación “coordinada e urxente” para abordar a transmisión da covid por inhalación de aerosois e propoñían oito liñas prioritarias, entre as que se incluían o uso de máscara —especialmente en lugares de traballo—, a prevalencia de actividades exteriores e todo o referente á ventilación, medida de CO2 e filtros de limpeza do aire. Agora, a retirada da obrigatoriedade da máscara en interiores abre o debate sobre a idoneidade desta medida e pon no punto de mira as recomendacións sanitarias.

Unha nova onda

A neurocientífica galega Sonia Villapol, investigadora no Hospital Methodist de Texas (Estados Unidos), foi unha das profesionais que asinou este manifesto e sinala que, aínda que a propagación está diminuíndo actualmente, “coa relaxación nas medidas non sería sorprendente un aumento de casos nas próximas semanas. É moi probable que haxa outra onda este outono, e daquela a nosa inmunidade xa iría remitindo. Posiblemente xurdan variantes máis transmisibles, coa incerteza de que sexan máis perigosas debido á inmunidade da poboación, que por outra banda é inevitablemente temporal. Polo tanto, a xente que puxo a dose de reforzo hai máis de seis meses, precisará unha segunda. Se vemos un aumento de hospitalizacións de novo, volveremos ser máis precavidos en quitar as máscaras nos interiores, con ou sen orde“.

José Luis Jiménez: “É unha oportunidade perdida de xerar unha cultura do manexo do aire en interiores para os patóxenos que poidan vir”

Precisamente, José Luis Jiménez Martínez, presidente do Colexio Médico de Ourense e outro dos expertos que asinou a carta, explica que “era unha oportunidade histórica para modernizar algunhas instalacións privadas e públicas que non están en condicións de ter un aire con garantías de seguridade, e perdeuse”. “Poderíamos ter xerado unha cultura do manexo do aire en interiores, e xa non só pola covid, senón por calquera outro tipo de patóxeno aéreo que poida vir”, declara.

Que se debería facer?

Ao eliminar a obrigatoriedade da medida do uso de máscara, a decisión de levala ou non pasa a ser unha cuestión individual. Por isto, os expertos coinciden na necesidade de manterse informados, avaliando os riscos e beneficios, así como a propia inmunidade: “Sempre hai que pensar no peor escenario para mitigar o perigo no momento actual, sen comezar un gran debate sobre se vai pasar ou non”, di Villapol. 

Jiménez, pola súa parte, insiste na ventilación dos espazos, pero tamén fai unha chamada a entender o contexto no que se toma esta decisión: “Hai outros países, como China, que buscan o cero covid e manteñen as máscaras. Occidente optou pola convivencia co virus e nese caso é coherente a retirada. Con todo, a recomendación debería ser mantela en espazos con moita xente e nos que haxa moi mala ventilación”.

Sonia Villapol: “A xente que poñiamos a máscara por convicción seguimos a levala. O virus segue a propagarse”

Así, o presidente do colexio ourensán lembra a importancia da información para a toma de decisións: “Por exemplo, se tes que escoller entre un bar que informa da súa calidade do aire e ves que ten un nivel de CO2 por debaixo de 1.000 ou de 800 e outro que non ten nada, eu escollería o que toma as medicións do aire e ten unha boa calidade“.

Neste sentido, Villapol coincide, afirmando que “cada quen vai ter que facer o seu propio cálculo da cantidade de riscos que quere correr cando decide ir a ceas, eventos en interiores ou a actos multitudinarios” e sinala como principais preocupacións a expansión da variante Ómicron BA.2 e a covid persistente. “Na cidade na que vivo, en Houston, quitaron o mandato das máscaras en interiores, e algunha xente que antes a poñía case que por obriga quitouna de inmediato. Pero a maioría da xente que poñiamos a máscara por convicción seguimos a levala. Non me apetece infectarme e o virus segue a propagarse“, remata a neurocientífica. 

Fonte: GCiencia


Compartir en:

Fai un comentario



*Campos obrigatorios

Código de verificación
Lin e acepto a Política de privacidade*